Recursos Educativos

Volta ao cole: aplicacións e ferramentas indispensables para os docentes

A volta ás aulas para os docentes supón organizar distintas tarefas, tanto propias como destinadas ao alumnado, que resultan esenciais para poñer en marcha o novo curso escolar.

As seguintes aplicacións, plataformas e ferramentas dirixidas ao profesorado resultaranlles útiles para organizar o traballo, xestionar o día a día na aula e avaliar aos estudantes.

Que é?

A continuación presentamos unha recompilación de ferramentas coas que os docentes poderedes:

  1. Xestionar mellor o tempo dedicado a cada tarefa
  2. Mellorar a comunicación coas familias
  3. Coñecer distintos métodos de avaliación baseados na gamificación.

 

1.- FERRAMENTAS PARA A ORGANIZACIÓN DO TRABALLO:

 

 

Asana

Con esta ferramenta, os docentes poden xestionar en liña o seu traballo diario e cos estudantes. As tarefas pódense asignar a distintas persoas a través de etiquetas de cores xa que conta cun calendario moi visual, no que tanto o profesorado como o alumnado pode revisar dunha ollada as tarefas pendentes. Tamén, e ademais de situar o traballo (realizar un contido multimedia para a clase de lingua ou preparar un exame…) nun día e a unha hora determinada, pódese marcar como finalizado, o que resulta moi útil a nivel visual para continuar coas seguintes actividades.

 

Google Drive

Este servizo de almacenamento de arquivos en liña permite compartir todo tipo de documentos co alumnado a través dunha ligazón. Ao atoparse nun único espazo de traballo, o profesorado pode organizar as tarefas por cartafoles, ademais de realizar copias de seguridade de todos os arquivos para non perdelos. Doutra banda, os estudantes poden traballar á vez no mesmo documento e desde calquera lugar con conexión a Internet polo que se facilita a organización e asignación das distintas tarefas.

 

Slack

Organizar proxectos, compartir documentos, ter un control das tarefas compartidas e non realizadas ou comunicarse cos estudantes a través de salas de chats ou videochamadas… Estas son algunhas das funcións que facilita esta ferramenta de comunicación en equipo, coa que se pode manter unha orde da xestión do traballo diario propio do profesorado e a rutina diaria en clase.

 

Timetable

Funciona coma un horario online, no que se poden organizar todas as tarefas dun centro educativo: nome da materia, aula na que se imparte e o nome do profesor encargado. Con dous modos de visualización (lista ou cuadrícula) pódese sincronizar en varios dispositivos á vez, polo que resulta útil para que todos os docentes dispoñan da organización do día a día na aula desde calquera lugar.

 

 

2.- FERRAMENTAS PARA O DÍA A DÍA EN CLASE:

 

Attendance

Trátase dunha lista dixital de asistencia e seguimento dos estudantes xa que con esta aplicación pódese rexistrar quen falta a clase, definir horarios ou crear grupos de traballo… Mesmo se poden anotar algúns aspectos do alumnado, como o comportamento. Deste xeito, o docente conta con toda a información actualizada e na nube do día a día na aula.

 

Edmodo

Con esta plataforma o profesorado pode manter o contacto vía online coa familia dos estudantes. Funciona como unha rede social polo que se poden mandar mensaxes e compartir distintos tipos de documentos e tarefas mediante grupos pechados. O profesorado tamén pode compartir recursos con outros docentes, o que facilita a xestión do día a día das distintas materias e cursos.

 

Explain Everything

Esta aplicación facilita as explicacións en clase xa que se poden inserir imaxes, gravar con voz anotacións do temario ou crear diferentes debuxos. Pode ser de utilidade como complemento para contidos complexos e que necesitan ser ilustrados visualmente para que o alumnado poida comprendelos con maior facilidade.

 

 

3.- FERRAMENTAS PARA AVALIAR:

 

Socrative

Permite crear ‘quizs’ con preguntas e respostas (similares a coñecidos xogos como o Trivial) para os estudantes. Deste xeito, o docente pode avaliar ao alumnado de forma divertida e, como todas as respostas quedan rexistradas, se un mesmo cuestionario volve repetir, pódese comprobar a evolución de cada un dos estudantes e cales son as preguntas nas que máis fallan.

 

Kahoot!

Con esta plataforma en liña, o profesorado pode avaliar ao estudante ou a un grupo mediante cuestionarios, cos que se reforza a aprendizaxe mediante o xogo, xa que o alumnado é o participante dun concurso que conta cunha clasificación final de mellores ‘xogadores’. Deste xeito, e finalizado o ‘quiz’, o docente dispón dunha serie de datos para a avaliación.

 

Online Quiz Creator

A ferramenta axuda ao docente para crear cuestionarios en liña para a posterior avaliación dos estudantes mediante distintas funcións: inserción de texto, imaxes, estatísticas, táboas ou a opción de resposta correcta múltiple. Mesmo dispón dunha función exclusiva para exames. Atópase dispoñible para computadores, dispositivos móbiles e tabletas.