Recursos Educativos

Imaxes nos contidos educativos

Imaxes nos contidos educativos

Dende que en 1658 aparece o Orbis sensualium pictus de Comenio ata practicamente a metade do século XIX, o libro de texto non sufrirá cambios significativos, pero a mecanización do proceso de impresión e os avances tecnolóxicos que permiten a reprodución de ilustracións e fotografías supón unha transformación radical.

Que é?

Dende que en 1658 aparece o Orbis sensualium pictus de Comenio ata practicamente a metade do século XIX, o libro de texto non sufrirá cambios significativos, pero a mecanización do proceso de impresión e os avances tecnolóxicos que permiten a reprodución de ilustracións e fotografías supón unha transformación radical.

A industrialización non só influíu no proceso de edición dos libros, tamén supuxo a necesidade de estender a educación a amplas capas da poboación, o cal obrigou a contar con manuais escolares que permitisen instruír a esa nova clase traballadora.

Un libro con ilustracións en cor no seu interior era algo excepcional ata fai relativamente pouco tempo. Os primeiros manuais en facer uso da cor de maneira habitual foron os de xeografía, e só a partir da segunda metade do século XX o uso da fotografía en cor xeneralizouse. Posiblemente os libros de texto máis comúns que empregaban imaxes en cor eran os catecismos, o que os facía especialmente atractivos, tanto que aínda pervive a expresión "mirar os santos", cando se fai unha lectura rápida dun libro observando só as súas ilustracións.

No momento actual están a producirse uns cambios tecnolóxicos que permiten realizar fotografías de alta calidade con recursos portátiles de custo moi reducido e ao alcance de practicamente calquera persoa.

A facilidade de obtención de recursos gráficos leva, nalgunhas ocasións, a un uso inadecuado dos mesmos, por ese motivo é aconsellable que antes de incorporar imaxes nos contidos educativos seguir as pautas que se indican a continuación:

  1. En primeiro lugar analiza os contidos educativos que vas entregarlle ao teu alumnado e determina que conceptos sería necesario aclarar, ampliar, explicar máis detidamente.
  2. Divide o texto en fragmentos de aproximadamente unha páxina de extensión.
  3. Determina a idea principal de cada un deses fragmentos.
  4. Selecciona unha imaxe para incorporar en cada un deses fragmentos.
  5. As imaxes seleccionadas poden ser:
    1. Para mostrar un elemento que é difícil atopar na realidade próxima. O interior dunha fábrica, dun barco, dun avión.
    2. Para mostrar a imaxe dalgún dos personaxes dos que estás a falar: A fotografía da escultura de Aristóteles, a imaxe dun cadro de Napoleón.
    3. Para ilustrar cal é o movemento dunha máquina, a composición dun parlamento cos diferentes grupos políticos.
    4. Ou mesmo para "alixeirar" un texto especialmente denso con algunha imaxe de Grecia se se está falando de filosofía presocrática.

A facilidade de obtención de fotografías, pode permitirche realizar a ti mesmo as que precises para ilustrar os teus contidos educativos, pero é posible que nalgúns casos non che resulte fácil obtelas ou mesmo pode ser directamente imposible. Nestes casos, existen na rede interesantes repositorios de imaxes que poden ser empregadas en educación, un dos máis coñecidos pode ser o Banco de imaxes e sons do Ministerio de Educación  ou a amplísima galería de Wikimedia Commons por exemplo, pero tamén se poden empregar algúns servizos que ofrece a rede, como  Flickr ou os Álbumes web de Picasa.