XVII Encontro InspiraTICs - Vigo

Unha escola inclusiva desde a memoria e a emoción– 19/02/2020

Emoción, inclusión e memoria.

Máis de douscentos educadores de toda Galicia volveron tomar parte no Encontro Inspiratics, celebrado na cidade de Vigo e que chegaba hoxe á edición número XVII. A memoria e como traballala na aula, ou as estratexias inclusivas, foron os eixos sobre os que virou a xornada, moderada por Carlos Magro, consultor en estratexia dixital e comunicación corporativa centrada no sector educativo.

“Na aula póñense en marcha procesos de memoria e xéranse contornas emocionalmente accesibles”, lembrou o facilitador do evento para introducir aos seus compañeiros Chema Lázaro, coas súas sesións prácticas “Somos Memoria!”, e Mábel Villaescusa, que impartiu o taller “Aulas emocionalmente competentes”.

“A inclusión é un concepto poliédrico”, lembrou a orientadora e psicóloga clínica na presentación da súa sesión. Trátase de que o sistema sexa suficientemente flexibel para que se adapte á diversidade de todos os alumnos. Villaescusa tirou de emocións para ensinar aos educadores a poñerse no lugar dos nenos. Tamén fixo alusión ao deseño universal e a accesibilidade como “chave que abre a aprendizaxe, preparación previa para calquera deseño de actividade”.

Pola súa banda, o profesor e empresario do sector educativo na área da neurodidáctica, Chema Lázaro, animou aos asistentes da xornada para perseguir a utopía. “O cambio é inherente a estar vivo”, sentenciou. E explicou como o concepto de intelixencia foi variando nas últimas décadas, e pasou de pesar tanto a carga xenética a contemplarse as inmensas posibilidades do factor ambiental.

 

Somos memoria!

O educador madrileño Chema Lázaro arrincou o seu taller contando a historia dun rocho. A través desta metáfora foi debullando cos docentes os diferentes tipos de memoria que entran en xogo a través das nosas accións.

Lázaro apostou por non deixar de lado o potenciar esta capacidade na a aula. “Somos memoria. O que podemos discutir é se as estratexias son adecuadas ou non”. A curto prazo, operativa, mecánica... xogando co contexto xerado podemos activar o coñecemento na aula.

A nosa memoria codifica, almacena e recupera, lembrou o experto, que foi propoñendo actividades para estimular estas tres capacidades, e lembrou que a memorización baseada na memoria a curto prazo debía ser substituída por procesos para fomentala máis a longo prazo.

Pero o experto tamén aludiu á emoción, “non hai aprendizaxe sen emoción”. E valorou positivamente tanto as estratexias baseadas nas intelixencias múltiples como os programas que aplican o curriculum en espiral, para evitar a curva do esquecemento.

Aulas Emocionalmente Competentes

A relatora Mábel Villaescusa empezou a súa actividade mostrando diferentes imaxes e pedindo unha valoración baseada nun “ emociómetro”. Con cartolinas de cores e por grupos os asistentes mostraban a súa reacción fronte a unha fotografía. “Todos vemos o mesmo pero non sentimos o mesmo”.


Villaescusa foi deixando caer algúns criterios como non utilizar etiquetas, programar éxitos para motivar aos alumnos, ou empregar métodos como as redes secretas de apoio. E aludiu á empatía para comprender ao outro, apoiándonos en mapas para sacar conclusións e establecer medidas tanto con determinados alumnos como para traballar con familias.

Cun impactante vídeo sobre a indefensión aprendida, a psicóloga explicou como a frustración, a confusión ou o desánimo lastran a aprendizaxe de alumnos que poden ter capacidades similares aos seus compañeiros.

 

Mapa de conclusións

Despois de adicar uns minutos ao baile libre, e a intercambiar impresións con outros docentes do auditorio, os asistentes a este encontro Inspiratics participaron nunha especie de tormenta de ideas a través dunha ferramenta de metacognición conxunta.

Memoria, emoción, empatía, estratexias, motivación, posibilidades ou cambio foron algúns dos conceptos predominantes na nube de tags de ensinos deste novo e inspirador taller. A actividade terminou con propostas sobre as que profundar para novos encontros.

PONENTES

Mábel Villaescusa ()
CEFIRE. Educación inclusiva

Formada en Psicoloxía Clínica. Dedícase profesionalmente á Orientación Educativa e á Formación do Profesorado nos distintos ámbitos da inclusión, da orientación e da psicopedagoxía. Na actualidade, enfoca a súa actividade profesional principalmente en ámbitos como: a accesibilidade e o deseño universal, a convivencia e a ciberconvivencia, e na incorporación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación nos procesos de ensino e aprendizaxe (especialmente en canto a Orientación Educativa refírese).

Actualmente, directora do Centro de Formación, Innovación e Recursos Educativos (CEFIRE) específico de Educación Inclusiva da Comunidade Valenciana.

Chema Lázaro ()
NIUCO educación

Mestre de Educación Primaria, creador do blogue Lousas Abertas e gañador do Premio Nacional de Educación no ano 2013.

Profesor no Máster de Neurodidáctica da URJC e no Máster do Profesorado URJC, Máster de Neuropsicología e educación na UNIR, tamén imparte clases no posgrao de Dificultades de Aprendizaxe da Universidade de Barcelona, e no máster Neurociencia en Educación e na aula (organizado por APFRATO e Florida Universitaria).

É, ademais, co-fundador de NIUCO educación, empresa do sector da educación no campo da neurodidáctica.

EN IMAXES

acreditaciones.jpg Acreditaciones2.jpg bolsas.jpg Puzzle.jpg Auditorio.jpg Bienvenida.jpg Mabel.jpg Chema.jpg Taller_Chema_Lazaro.jpg IMG_7263.jpg Aulas emocionalmente competentes Taller_Mabel_2.jpg Taller_Mabel.jpg Mabel_taller_2.jpg Mesa.jpg Dinámica de cierre Sesion_final.jpg