XVI Encontro InspiraTICs

ALFREDO HERNANDO – 17 de outubro de 2019

Introdución práctica da creatividade na escola.

O XVI Encontro Inspiratics, celebrado na tarde do 17 de outubro na Coruña, coa presenza de douscentos educadores de toda Galicia, volveu resultar un revulsivo para o sector docente. Despois de paisaxes educativas, contornas, espazos, soños e estratexias, hoxe tocoulle a quenda á creatividade, coa xornada impartida polo psicólogo Alfredo Hernando e titulada “Algunas claves para fomentar la cultura de la creatividad”.

A xornada arrincaba co saúdo de Belén Ocampo, en representación da Fundación Amancio Ortega, e María José Arrojo, en nome da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, impulsores deste evento en prol da mellora da calidade educativa.

“A creatividade ensínase, apréndese e practícase”. Con este convencemento Mónica Cantón de Celis, CEO de Design for Change, introducía aos asistentes na sesión da que ían formar parte. Hernando, pola súa banda, iniciou a súa intervención instando a bailar a todo o auditorio.

O experto apostou desde un principio por poñer en valor o sistema actual educativo e as melloras que se foron introducindo nos últimos anos. “As escolas non matan a creatividade” sentenciou. E animou aos asistentes para calificar do 1 ao 10 a súa capacidade creativa. A maioría posicionáronse entre o 6 e o 8, ao que o psicólogo asegurou que traballándoo poderíanse subir algúns puntos máis.

Das rutinas á competencia social

Colocados por parellas no propio auditorio, os asistentes participaron nun exercicio para vender ao seu interlocutor desde un arcoíris ata as súas habilidades para mellorar a estética de boas ou leóns. Preguntados sobre as estratexias empregadas como convencedores, a maioría aludiron a conceptos como crer no seu produto, estar convencido, botarlle imaxinación, poñerse no lugar do outro, etc.

Unha metáfora, autopreguntas ou tormenta de ideas, calquera estratexia vale para reflexionar sobre se realmente estamos a aplicar os proxectos educativos. Os expertos que estudaron o desenvolvemento do traballo entre os anos 1960 e 2000 observaron que as rutinas perdían forza en favor de necesidades como o traballo de síntese e análise ou as interaccións educativas.

E como guía inspiradora, tres exemplos en forma de historias. “Los caramelos que adivinan notas” serviron para entender como perciben os nenos o tempo e que estratexias utilizan para aliviar a súa presión. Os que mellor se adaptaban a un tempo fronte a un doce sen tomalo resultaron ter o mellor expediente académico. Con “la increíble historia del árbol genealógico de una tablet” o experto levou ao seu auditorio de paseo desde unha lira, instrumento musical “ tatarabuelo da tablet” ata as modernas pantallas. E na “exótica historia del tren más rápido del mundo” aprendemos a buscar ideas e solucións fóra do noso propio mundo, simplemente con método e observación.

Un a un Alfredo Hernando foi volteando os paneis de cores ao fondo do escenario ata obter a competencia cultural e artística, a competencia social e cidadá, a autonomía e iniciativa persoal e a técnica de aprender a aprender. Con todos estes elementos os docentes poden atopar a súa propia folla de roteiro no regulamento, só hai que ter vontade e capacidade de aplicalo.

Como fin da xornada o psicólogo propuxo un exercicio ao seu auditorio. “Escribide unha experiencia de aprendizaxe que saíse mal”. Lédea, engurrádea e colocádea coidadosamente nun marco de fotos. O obxectivo é aprender dos nosos propios erros e sacar experiencia. “Estas engurras son as verdadeiras liñas do proceso creativo”.

Ao termo aínda xurdiron algunhas cuestións de interese, entre elas o como aplicar esta estratexia de creatividade en temarios máis esixentes, en cursos superiores á etapa infantil, ou como adoptar os postulados aprendidos na sesión de hoxe a realidades educativas diferentes, comunidades educativas distintas e outras situacións.

PONENTE DEL ENCUENTRO

Alfredo Hernando ()

Alfredo Hernando Calvo é psicólogo, investigador e pai. Tres facetas que une na súa paixón pola innovación educativa.

No ano 2013 creou o proxecto escuela21.org: un laboratorio de innovación educativa que viaxa por todo o mundo co obxectivo de identificar, comunicar e replicar as mellores prácticas internacionais nas escolas máis innovadoras. Unha viaxe que durante o últimos cinco anos levoulle a experimentar con equipos de profesores de todos os continentes, xerando redes de traballo, proxectos, publicacións e dinámicas de acompañamento a escolas, á vez que comparte, dialoga, constrúe e aprende en rede e na rede.

Grazas a Acción Magistral, tes á túa disposición esta guía que reúne as mellores prácticas da súa aventura ata o momento, desde os lugares máis afastados do globo, deseñadas para gozar e aprender en familia e na escola.

Alfredo é un precursor da metodoloxía das paisaxes de aprendizaxe e un explorador do design thinking, a personalización, a integración tecnolóxica na aula e da xestión de procesos de innovación e cambio na escola. Con centos de horas de formación e acompañamento a claustros, é un compañeiro recorrente de institucións educativas públicas e privadas, centros de formación de profesores, servizos territoriais, universidades, fundacións e organismos educativos internacionais.

Actualmente está involucrado na construción participativa dunha vivenda na cidade de Viena: gleis21.wien. Trátase dunha das iniciativas europeas de cohousing máis innovadoras cun forte compoñente social centrado en solidariedade, a integración, a comunicación social media e a agricultura ecolóxica.

Participa activamente nas redes sociais, en congresos, titulacións presenciais e formacións online, escribe e colabora con distintos medios pero, sobre todo, segue investigando e compartindo as mellores experiencias educativas na web escuela21.org

OS MELLORES MOMENTOS DA XORNADA

IMG_4555.jpg IMG_4590.jpg IMG_4575.jpg IMG_4672.jpg IMG_4708.jpg IMG_4836.jpg IMG_4711.jpg IMG_4693.jpg IMG_4803.jpg IMG_4745.jpg IMG_4768.jpg IMG_4865.jpg IMG_4839.jpg IMG_4899.jpg IMG_4833.jpg IMG_4932.jpg IMG_4895.jpg