Un proxecto intercentro para a posta en marcha dunha aula hospitalaria
27 Xullo 2018

Un proxecto intercentro para a posta en marcha dunha aula hospitalaria

O CEIP de Viñagrande Deiro, o CEP Santa Tegra, e o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo colaboraron durante o curso 2017-2018 para desenvolver unha innovadora e ambiciosa aposta educativa baixo o contexto do proxecto " CRE.AP. CIÓN 4.0". Un dos proxectos gañadores no IV Concurso Proyecta Innovación.

O obxectivo principal de CRE.AP. CIÓN 4.0 é que os nenos e nenas en idade de escolarización obrigatoria que se atopen hospitalizados no Hospital Álvaro Cunqueiro poidan recibir unha adecuada atención educativa. Así, entre as 3 entidades traballaron durante o curso pasado para fixar as bases do que podería chegar a ser o "Proxecto Educativo do Hospital Álvaro Cunqueiro".

Tras unhas cantas semanas de reunións a principios de curso para establecer e coordinar a folla de ruta e necesidades metodolóxicas e materiais, a seguinte fase do proxecto centrouse nas necesarias sesións de formación e inspiración coas novas mestras da aula hospitalaria do Hospital Álvaro Cunqueiro. Desta maneira, o persoal docente implicado no proxecto CRE.AP. CIÓN 4.0 das 3 entidades poñerían en común e terían claro o enfoque educativo proposto e poderían coordinarse atendendo ás necesidades particulares dos contextos do alumnado.

Tras esta fase, comezou o traballo de formación con docentes e alumnos na aula hospitalaria para o manexo e aproveitamento do material tecnolóxico: robótica ( Mbot, Robobo, Ozobot...), iniciación á programación, manexo de apps con potencial educativo, etc.

Paralelamente, desde os dous centros educativos comezaron a traballar co seu propio alumnado na creación de todas as actividades definidas no plan académico do proxecto. E tanto desde o CEIP Viñagrande Deiro como desde a aula de 3º de Educación Primaria do CEIP Santa Tegra puxéronse ao choio atendendo ás actividades e metodoloxías propostas dentro dos contextos Humanístico, Lingüístico, Científico e Matemático do proxecto CRE.AP. CIÓN 4.0.

Durante o pasado curso 17-18 foron creando e desenvolvendo todas esas actividades coa intención de compartilas co alumnado hospitalizado e coa idea de que desde os tres espazos os alumnos estivesen conectados regularmente e compartísense coñecementos e intercambiasen ideas e opinións.

Os responsables do proxecto CRE.AP. CIÓN 4.0 compartíronnos todas as actividades desenvolvidas durante o curso. Aquí podedes velas:

 

TITORIAIS MATEMÁTICOS:

Compartidos cos alumnos hospitalizados na unidade de oncoloxía para que nun futuro puidesen ser eles os que remitisen aos centros os seus propios titoriais.

 

PRESENTACIÓNS PERSOAIS DOS NENOS E NENAS PARA COÑECERSE MELLOR:

Actividade pertencente ao contexto Linguístico do proxecto coa finalidade de que os alumnos dos 3 centros puidesen profundar no seu coñecemento mutuo.

PROXECTO MAMIXESTILES

Creación por parte dos alumnos do CEP Santa Tegra de un libro dixital dentro do proxecto Mamixestiles para a descrición e o coñecemento dalgúns animais de diferentes ecosistemas.

 

RAPEANDO AS TABOAS DE MULTIPLICAR: RAP MATH

Dentro do contexto Matemático do proxecto, os alumnos de 3º de Primaria do CEP Santa Tegra crearon cancións de rap para aprender con maior facilidade as táboas de multiplicar dunha forma amena e divertida, e tamén para animar ao alumnado hospitalizado a crear e compartir as súas propias cancións.

 

IMAXES INTERACTIVAS E AUMENTADAS:

Desde o contexto Humanístico do proxecto, desde o CEIP Viñagrande Deiro remitiron unha serie de imaxes aumentadas para os alumnos do hospital puidese acceder e coñecer mellor contidos relacionados coa localidade na que vive o noso alumnado.

ADIVIÑAS TECNOLÓXICAS:

No contexto Lingüístico tamén crearon e enviaron adiviñas tecnolóxicas sobre o mundo das emocións ao alumnado hospitalizado para que puidesen traballar eles tamén un tema tan importante como a xestión emocional.

CREACIÓN DE OBXECTOS 3D:

Para traballar dunha forma máis manipulativa determinados contidos curriculares, e dentro dos contextos Científico e Matemático, no CEIP Viñagrande Deiro utilizando software específico para o deseño e a impresión 3D crearon obxectos e compartiron co alumnado hospitalizado os seus coñecementos.

MAQUETAS CIENTÍFICAS:

Maquetas sobre o aparello locomotor, as fontes de enerxía, a célula, a composición de azucre dalgúns alimentos... foron algunhas das creadas e compartidas dentro do contexto Científico de CRE.AP. CIÓN 4.0.

Tamén dentro deste contexto de aprendizaxe, o CEP Santa Tegra creou o PROXECTO HUMAN BODY no que explican diferentes sistemas do corpo humano, o seu funcionamento e as conexións que existen entre eles.

 

TRABALLOS DE CONCIENCIACIÓN CONTRA A CONTAMINACIÓN:

Dous proxectos para a concienciación e o respecto e coidado ao medio ambiente que tamén se apoiaron no papel da música e a linguaxe corporal para o seu desenvolvemento.

RETOS DE ROBÓTICA:

Aprendizaxe e manexo da linguaxe de programación para que os robots ( Mbot e Robobo) realizasen diferentes retos segundo as directices indicadas.

 

ACTIVIDADES DE ANIMACIÓN Á LECTURA:

Actividades compartidas co alumnado hospitalizado que contiñan tamén propostas específicas para animarlles a divertirse coa lectura.

  • Videocontos da literatura infantil galega.

  • Ler e comentar libros a través da técnica de aprendizaxe cooperativa de VIC: Lectura Compartida.

  • Creación de contos a partir de portadas descoñecidas para o alumnado.

  • Elaboración dunha carta para enviar ás familias onde informarlles dos nosos dereitos lectores e algunha petición.

 

Proxecto "Conto audiovisual": no que se mesturaron procesos de creación literaria escrita, a expresión oral, e o emprego de elementos tecnolóxicos para lograr o desenvolvemento destas competencias entre os alumnos.

 

ACTIVIDADES DE REALIDADE VIRTUAL:

Creación de contidos en formato de realidade virtual para que o alumnado hospitalizado, co uso dunhas lentes de RV e un dispositivo móbil, puidesen acceder a rutas virtuais por diferentes espazos.

Coñecendo o CEIP de Viñagrande Deiro:

ECOsistemaVR: Centrado na explicación de varios ecosistemas por todo o mundo.

Proxecto "O esperpento virtual de Valle Inclán": para mostrar dunha forma diferente como era, vivía e escribía este polifacético e particular escritor de Vilanova de Arousa.

 

Aquí podedes ver a MEMORIA AUDIOVISUAL INTERACTIVA DE CRE.AP.CIÓN 4.0 con todas as actividades levadas a cabo no proxecto:

Memoria Audiovisual CRE.AP.CIÓN 4.0

Parabéns aos artífices, aos responsables do proxecto (tanto no CEIP de Viñagrande Deiro, como no CEP Santa Tegra, e no Hospital Álvaro Cunqueiro) e a todo o alumnado e o profesorado implicado neste magnífico proxecto intercentro CRE.AP.CIÓN 4.0!! Un proxecto que –segundo avanzan os seus responsables– seguirá evolucionando e ampliando fronteiras en próximos cursos. Desexámoslles moita sorte e éxitos.