#proyectainnovación
Un proxecto de Aprendizaxe Servizo (ApS) en FP
4 Xullo 2018

Un proxecto de Aprendizaxe Servizo (ApS) en FP

O proxecto “FP sobre ruedas” resultou gañador no IV Concurso Proyecta Innovación (2016-17). Desde entón, un grupo de alumnos voluntarios das materias Fabricación mecánica, Electricidade-Electrónica, Soldadura e Artes Gráficas, traballaron sen descanso aplicando moitos dos coñecementos adquiridos durante o curso na reparación e personalización das cadeiras de rodas.

Durante o primeiro trimestre do curso formaron equipo, visitaron Alento para coñecer máis sobre o dano cerebral e as necesidades dos seus usuarios, e fixeron un curso de formación 3D onde adquiriron coñecementos básicos de Solidworks.

Continuaron avaliando as cadeiras para detectar as necesidades de cada unha, que eran moitas: rodas novas, pintura, respaldos e lonas, baterías en mal estado, algunhas non tiñan repousapés, joystick en mal estado… e puxéronse ao choio.

Neste vídeo cóntannos todo o proceso:

O martes 19 de xuño tivo lugar o acto de entrega das cadeiras de rodas á Asociación Alento. Ao acto acudiron os alumnos/ as e profesores/ as relacionados co proxecto, e por parte de Alento acudiron o Director da asociación, a súa Presidenta e 4 usuarios.

Ángel Abalde, profesor responsable do proxecto, cóntanos a súa valoración sobre o acto:

“A entrega das cadeiras de rodas foi o momento máis emotivo do proxecto FP Sobre Ruedas.

Antes da chegada dos usuarios de Alento, os nosos alumnos/as estaban nervios e con dúbidas: gustaranlles os deseños?, cubrirán as súas necesidades?, acertariamos? … Pero nada máis empezar o acto de entrega, puidemos comprobar a ilusión e as ganas que tiñan por recibir as cadeiras terminadas.

As caras de alegría coas que deron as súas primeiras voltas en cadeira pagaron con fartura o tempo e traballo investido. E enchéronnos de forzas para continuar facendo proxectos cun fin solidario”

 

Parabéns a todos os implicados neste precioso proxecto de Aprendizaxe Servizo!

  • #proyectainnovación
  • #docentesinnovadores
  • #proyectoseducativos
  • #actualidad