#InspiraTICs
Traballar a Intelixencia naturalista a través do horto escolar e un receitario dixital
19 Decembro 2018

Traballar a Intelixencia naturalista a través do horto escolar e un receitario dixital

Conchi Orellana e Rubén Molinero cóntannos os avances do proxecto "Hortus Cultus 3.0" durante este primeiro trimestre do curso 2018-19:

"Unha vez recibimos a noticia de que gañaramos o segundo premio, e, por tanto, o noso Hortus Cultus 3.0 sería financiado ao 100% por InspiraTICs, puxémonos ao choio.

Na primeira semana de setembro tivemos a primeira reunión xeral na que transmitimos a todos os profesores e profesoras do centro a finalidade do proxecto: a necesidade de que a intelixencia naturalista teña un peso moito maior na formación do noso alumnado. O apoio do profesorado foi unánime, e manifestaron a súa intención de participar no proxecto.

Durante este primeiro trimestre dedicámonos a ir adquirindo parte do equipamento que imos utilizar, como as cámaras de acción para poder gravar o proceso de crecemento dos vexetais.

Tamén levamos a cabo a remodelación do horto e a creación da aula da natureza. Esta parte do proxecto está a tardar máis do esperado polas inclemencias meteorolóxicas así como pola dificultade que supuxo quitar algunhas árbores. Para febreiro calculamos que o horto estará listo para inaugurarse.

Paralelamente, o traballo nas aulas centrouse na planificación da participación de cada aula no proxecto. Ademais de elixir o que cada clase vai cultivar, fíxose un traballo de introdución do concepto da intelixencia naturalista, así como a importancia da natureza e da Terra nas nosas vidas.

Varias clases de Infantil e de Primaria animáronse a ir realizando receitas con diferentes vexetais que foron plantados o curso pasado e que se colleitaron antes das obras no horto. A realización destas receitas foron gravadas e servirán de exemplo para traballos futuros doutras clases:

  • O alumnado de 3º Ciclo realizou ata a data dúas receitas con vexetais do horto: Biscoito de cenorias (para degustar coas familias na reunión de pais e nais da primeira avaliación) e Pan Tumaca (para compartir xantares saudables con outras clases):

  • O alumnado de Infantil realizou diferentes receitas con vexetais do horto ou de hortos de familiares: crema de cabaza, pizzas de berenxena, crema de brocolí e cabaciña, hummus de berenxena, guacamole, biscoito de cenorias, chícharos con xamón...:

Ademais das receitas, as clases foron realizando diferentes traballos como Dicionarios de cociña, abecedario de froitas, murais… todo centrado no mundo vexetal co fin de ir achegando as froitas e as verduras ao alumnado. Todos estes materiais, vídeos e receitas serán recollidos dentro dunha plataforma web para ser compartidos con toda a comunidade.

A verdade é que cada día que pasa este proxecto crece máis e estamos seguros que durante todo o 2019 empezará a dar grandes froitos."

 

Non temos ningunha dúbida :) Parabéns ao CEIP Balaídos polo arranque, sabemos que non é fácil. Seguiremos os vosos avances ao longo do curso e irémolos compartindo no blogue e a través das redes sociais.

  • #InspiraTICs
  • #docentesinnovadores
  • #proyectoseducativos