#proyectainnovación
Tecnoloxía e programación ao servizo da Ciencia no CEIP Valle Inclán (O Grove)
2 Xaneiro 2018

Tecnoloxía e programación ao servizo da Ciencia no CEIP Valle Inclán (O Grove)

Mans de Terra”, un proxecto ecolóxico-tecnolóxico baseado na confianza e o traballo cooperativo, que durante este curso evolucionou a “Experimento VI: Ciencia e Tecnoloxía”, cun claro nexo de unión: o horto do centro e a metodoloxía empregada. Estudan fenómenos relacionados coas ciencias naturais, experimentan con diferentes cultivos e crean ferramentas que, entre outras funcionalidades, faciliten o mantemento do seu horto e da súa estación meteorolóxica, por exemplo.

Por iso, nada máis chegar en setembro, os alumnos do CEIP Valle Inclán do Grove comezaron a arrombar o horto para poder realizar os traballos de campo. Fóra as malas herbas, un pouquiño de compost por alí e o horto xa volvía lucir o seu aspecto habitual.

Comezaron entón a estruturar un dos principais obxectivos do proxecto: que os alumnos entrasen en contacto coa programación. En canto chegou o material de Raspberry Pi, dividiron aos alumnos en pequenos grupos para comezar a montar os computadores. Quizá é a parte máis complicada do proceso, pero aos alumnos do CEIP Valle Inclán nada se lles resiste.

Durante esta fase de montaxe, ademais, todo o centro levou unha gran SORPRESA… Resultou que, durante as investigacións realizadas polos profesores coordinadores do proxecto Laura e Luís sobre Raspberry Pi e sobre o estudo do espazo exterior, cando por twitter compartiron unha noticia publicada polo astronauta Pedro Duque, ao cabo dun intre el mesmo respondeulles enviándolles unha ligazón sobre proxectos científicos e espaciais coa Raspberry!

E estamos convencidos de que esta información compartida polo soado astronauta seralles moi útil en grandes proxectos para o estudo do cosmos.

 

Desde o CEIP Valle Inclán do Grove avánzannos os seus próximos retos con este proxecto:
 

Nos próximos meses centraremos o traballo nos dispositivos Raspberry como proxecto propio para buscar as súas potencialidades e aplicacións; utilizaremos os dispositivos da aula para investigacións a nivel usuario; faremos funcionar a estación meteorolóxica e uns proxectos experimentais con Time- Lapse; introduciremos tamén Raspberry no noso proxecto de radio escolar; e… algunhas sorpresas máis que iremos desvelando máis adiante.

 

Un proxecto multidisciplinar e fascinante que, sen dúbida, dará moito que falar.

Parabéns a todos os alumnos e profes implicados!

Podemos seguir os avances deste estupendo proxecto no seu blogue.

Aquí podedes ver a estación meteorolóxica xa en marcha:

  • #proyectainnovación