#InspiraTICs
Natureza e concienciación en plena contorna urbana de Vigo
28 Outubro 2019

Natureza e concienciación en plena contorna urbana de Vigo

Ao longo do curso 2018-2019 os alumnos de Educación Infantil e de Primaria do CEIP de Balaídos de Vigo, levaron a cabo o seu proxecto "Hortus Cultus 3.0" que merecera un ano atrás o recoñecemento como gañador do 2º premio no V Concurso Proyecta Innovación.

Tal como comenta Rubén Molinero Malvido (profesor do centro e un dos principais responsables de Hortus Cultus 3.0) con este proxecto "atopámonos agora en disposición de avalialo, pero tendo moi claro que aínda non finalizou e que seguirán desenvolvéndose actividades durante os próximos cursos", polo que supón un proxecto continuísta e sen data de caducidade.

 

Desde a súa formulación inicial, Hortus Cultus 3.0 perseguía catro obxectivos xerais claramente definidos:

  1. Lograr unha participación activa no proxecto por parte de todo o centro escolar.
  2. Desenvolver a intelixencia naturalista así como o respecto á natureza.
  3. Utlizar as novas tecnoloxías para crear contidos audiovisuais.
  4. Fomentar uns hábitos de alimentación saudables.

 

A primeira fase do proxecto consistiu na remodelación e ampliación do horto urbano preexistente no centro para permitir así que todos os niveis educativos dispuxesen dunha parcela para poder levar a cabo os seus cultivos.

E cada clase, escolleu un tipo de vexetal, distribuíndose así:

- Educación infantil: leitugas, tomates e berros.
- 1º de Primaria: cebolas.
- 2º de Primaria: leitugas, cenorias e fresóns.
- 3º de Primaria: pementos.
- 4º de Primaria: leitugas.
- 5º de Primaria: plantas aromáticas.
- 6º de Primaria: patatas e berenxenas.

>> Todos os vídeos e as explicacións sobre iso, poden consultarse na sección Cultivos da web que elaboraron para o proxecto.

 

Así, xunto ao cultivo e os coidados dos diferentes vexetais por clases, outra das actividades que implicou a todos os niveis do centro foron as labores de reforestación no Monte de Chandebrito, o cal foi fortemente azoutado polos incendios forestais anos atrás. Para levalas a cabo, os alumnos tiveron que plantar semanas antes no centro as sementes de de carballo para despois poder ir plantala no monte e que se desenvolvese con maiores garantías a planta no terreo.

>> Na sección Reforestación da web do proxecto explican con todo detalle en que consistiu esta actividade, así como a repercusión mediática que tivo coas aparicións en prensa e televisión.

 

Para dar resposta ao terceiro obxectivo xeral do proxecto: "Utlizar as novas tecnoloxías para crear contidos audiovisuais", no CEIP Balaídos de Vigo e partindo dos cultivos previos dos hortos, puxéronse ao choio con diferentes actividades que implicaron o uso de medios tecnolóxicos para crear contidos en diferentes formatos.

Entre elas destacan:

  • A elaboración de vídeo receitas con produtos naturais, tanto cultivados na horta do centro, como en hortas de familiares ou como comprados directamente no supermercado. Para a realización desta actividade utilizáronse dispositivos móbiles iPad para gravar, preparar os guións das diferentes receitas, chroma para superpoñer fondos na fase de postproducción, editores de vídeo como o iMovie e utilizar medios de compartición como os códigos QR.

  • Tamén elaboráronse outros tipos de productos audiovisuais como audiocontos, esquemas interactivos e diccionarios que axudaron ao alumnado a asimiliar os contidos curriculares de diferentes áreas que tiñan relación directa co mundo vexetal e o horto.

 

Sobre o cuarto e último obxectivo xeneral do proxecto: "Fomentar uns hábitos de alimentación saudables", os responsables do proxecto comentan:

«Coas actividades desenvoltas, o alumnado adoptou unha actitude moito máis aberta cara a comer pratos con produtos vexetais tales como cremas, purés, hummus… mesmo sobremesas con verduras como o biscoito de cenorias... Ademais de lograrse que nas merendolas de Infantil substituísense os típicos snacks por espetadas de froitas, do mesmo xeito que nos obradoiros da festa de fin de curso de Primaria nos que se dedicou un espazo para realizar esta receita.»

 

Como xa se comentou, tamén crearon una páxina web:: https://hortuscultus3.weebly.com na que recóllense todas as actividades que conformaron este proxecto Hortus Cultus 3.0. Un site moi ben elaborado e a través do cal foron dando progresiva visibilidade a todas as experiencias vividas polo alumnado e puideron tamén divulgalas e compartilas coa comunidade educativa.

Desde inspiraTICs queremos dar novamente parabéns a todos os integrantes do CEIP Balaídos que fixeron posible este gran proxecto e polas súas valiosas iniciativas educativas implícitas en prol do coidado da natureza e da concienciación social.

  • #InspiraTICs
  • #docentesinnovadores
  • #proyectoseducativos