Os Francotiradores de InspiraTICs
21 Marzo 2018

Os Francotiradores de InspiraTICs

O xoves 15 de marzo celebramos en Expocoruña o undécimo encontro InspiraTICs ao que acudiron máis de 300 profesores de toda Galicia. Unha xornada teórico-práctica con 4 horas infestadas de traballo colaborativo e participativo: creatividade, movemento, emocións, diversión e retos de todo tipo.

Jesús C. Guillén puxo en pé nun par de ocasións a todo o auditorio para que os profesores experimentasen o efecto positivo que ten o exercicio ou o simple movemento sobre o cerebro. E é que as nosas neuronas actívanse ante climas emocionais positivos na aula.

Desa forma demostrou a necesidade da educación emocional para mellorar o rendemento académico, e da arte, o xogo e o movemento como instrumentos para optimizala e lograr a atención do alumno. Ademais, conseguiremos que os alumnos teñan unha mentalidade de crecemento e obteñan mellores resultados valorando o seu esforzo, non a súa capacidade, explicou.

Carola García, pola súa banda falounos da capacidade de prestar atención que temos todos, pero que debemos cultivar. Ese é o obxectivo do mindfulness: vivir no presente, deliberadamente e sen xulgar. E iso como se consegue? Aprendendo, a través desa técnica, a ser conscientes do que hai na nosa mente. Ese facernos conscientes permitiranos decidir con liberdade sobre deixarnos levar ou non polo que a nosa mente interpreta e permitiranos ser máis creativos.

Con ela realizamos varios exercicios de relaxación, conciencia do presente e escoita.

Por último Chema Lázaro exemplificou perfectamente a importancia de gamificar unha aula: porque motiva, permite ao alumno fallar sen risco e personaliza, aumenta e contextualiza a aprendizaxe, entre outros motivos.

As pautas para deseñar un bo breakout son: que teña narrativa, crear un contexto e xerar un determinado fluxo de xogo, que pode ser lineal ou non lineal. Tamén é importante identificar que tipo de xogadores son os nosos alumnos: sociais, killers, exploradores ou triunfadores.

As dúas horas seguintes investímolas en poñer en práctica todo o anterior nos talleres: dinámicas e actividades deseñadas por cada un dos relatores para afianzar e asimilar a “Atención, emoción e xogo. Claves para unha boa aprendizaxe”

Chema comentou, referíndose aos docentes innovadores, que “un francotirador non gaña unha guerra” de aí a importancia de facer equipo con outros compañeiros no centro educativo, de compartir, de crear proxectos comúns, de aprender uns doutros, de enriquecer o traballo. Comentou que moitas veces non é fácil, pero convidounos a todos a formar un exército.