O V Concurso Proyecta Innovación entra na súa recta final
10 Maio 2018

O V Concurso Proyecta Innovación entra na súa recta final

O Concurso Proyecta Innovación ten como finalidade servir como lanzadeira para facer realidade aqueles proxectos educativos de Galicia que traballen disciplinas e destrezas de forma innovadora, e que sitúen aos alumnos como protagonistas da súa propia aprendizaxe. A esta quinta edición do concurso presentáronse unha trintena de proxectos das catro provincias galegas, dos que un comité de selección, tras un minucioso –e complicado– proceso de análise e avaliación, extraeu aqueles que pasarían á última fase.

O vindeiro xoves 24 de maio, celebraremos na sede do Museo Santiago Rey Fernández-Latorre o XII encontro inspiraTICs, un encontro especial xa que acollerá esta última fase do V Concurso Proyecta Innovación: a exposición e defensa ante o xurado dos seis proxectos finalistas no concurso. Ademais contaremos cun xurado de primeira composto por: Manu Velasco, Montse Poyatos, Carlos Magro y Ana M Martinez

Aquí podedes ver as presentacións destes seis proxectos finalistas no V Concurso Proyecta Innovación:

 

“Curtas Inma” do CPR La Inmaculada – La Salle (Santiago)

Trátase dun proxecto eminentemente competencial, dirixido a toda a Primaria, que permite que o alumnado integre o currículo nunha actividade motivante como son os curtos audiovisuais. Fomenta o traballo cooperativo, o desenvolvemento da autonomía e a toma de decisións. Finalmente, intégrase o cine como linguaxe e medio de transmisión de valores, sentimentos e emocións.

 

“EmBarouta-T: Nó sostible” do CEIP de Barouta (Ames)

O CEIP de Barouta pretende encamiñar o centro cara a unha smartschool onde a sustentabilidade, ligada ás novas tecnoloxías, promova aprendizaxes significativas desde as capacidades e orientadas ás expectativas dos alumnos. Trátase dun proxecto de centro con todo o profesorado e alumnado implicado.

 

“Hortus Cultus 3.0” do CEIP Balaídos (Vigo)

Hortus Cultus 3.0 é un proxecto no que os alumnos/ as converteranse en creadores de contidos a través de experiencias realizadas no horto escolar que ten o centro. Traballando desde distintas materias crearanse vídeos e libros que o alumnado compartirá coa contorna; diferentes receitas feitas co que cultivaron onde non só se explicará como realizalas, senón que tamén se mostrará como foi todo o proceso de cultivo e as calidades e propiedades dos vexetais empregados.

 

“Mastigar e dixerir un libro: A Fraga Milmañas” do CEIP Ponte dos Brozos (Arteixo)

O proxecto xorde dunha cita de Sir Francis Bacon de onde procede o título do proxecto: "algúns libros son probados, outros devorados, poquísimos masticados e dixeridos". O proxecto trata de converter un libro, A Fraga Milmañas, nun xogo cheo de retos a superar para permitir que os alumnos se acheguen á lectura mostrándolles o lado lúdico e coa finalidade de crear lectores proactivos que perduren no tempo. Trátase dun proxecto que combina ABP, gamificación e aprendizaxe móbil.

 

“Plataforma #EDUCAGRAM” do IES do Castro (Vigo)

#Educagram é un proxecto educativo dixital en Instagram e con Instagram. Unha comunidade de experiencias a través de aventuras educativas en Instagram, talleres en creatividade e nova narrativa dixital impartidos polo propio alumnado. A Plataforma web contará con: escola de nais e pais, formación do profesorado e formación para un internet seguro entre o noso alumnado.

 

“Realiz-Arte” do CPR Compañía de María (A Coruña)

Xorde da necesidade de contar cun espazo de reflexión e opinión no que os mozos poidan expresarse e intercambiar a súa visión da contorna, para así poder actuar sobre el e transformalo. O obxectivo é promover a comunicación, a reflexión e o espírito crítico a través dunha plataforma dixital colaborativa de debate onde se expoñerá e argumentará un tema. Coas conclusións crearase un produto artístico: un poema, un videoclip, unha canción...

 

Desexámoslles moita sorte a todos nas súas defensas o próximo 24 de maio!

Ese día, tras escoitar as defensas e facer as preguntas oportunas aos presentadores, os membros do xurado deliberarán pero non fallarán. O seu fallo cos proxectos gañadores do V Concurso Proyecta Innovación darase a coñecer a través da web www.plataformaproyecta.org a mediados do mes de xuño de 2018.