#Proyecta D+I
O Certame Proyecta D+I xa ten gañador
20 Maio 2016

O Certame Proyecta D+I xa ten gañador

Juan de Vicente Abad, profesor no IES Miguel Catalán de Coslada (Madrid), é o gañador do Certame D+I ao Docente máis Innovador de España. Ademais, o xurado decidiu outorgar dous accésits sen contía económica asociada en recoñecemento á calidade da súa traxectoria educativa a: Juan José Vergara e Rosa Liarte Alcaine.

O Xurado, composto por Carmen Delia García-Fuentes, Alejandro Tiana, Fernando Trujillo María Acaso e José Antonio Marina, destacou que o elevado número de candidaturas recibidas e a calidade das experiencias docentes, en especial dos dez finalistas, son un claro reflexo do avance da innovación nas aulas españolas.

Dende Proyecta, queremos agradecervos, a todos os candidatos que nos acompañastes nesta primeira edición do Certame D+I, a oportunidade de poder coñecer a vosa importante labor na aula.

Co fin de dar difusión ao voso traballo e experiencias, ante toda a comunidade educativa –e a sociedade en xeral-, recollemos as vosas candidaturas nunha nova web, que esperamos poida seguir crecendo no tempo.

 

Juan De Vicente Abad é orientador e profesor de Educación para a Cidadanía e Psicoloxía no IES Miguel Catalán de Coslada con 26 anos de traxectoria docente. Como experto en resolución de conflitos, interculturalidade e convivencia escolar, no seu centro impulsa proxectos interdepartamentais dirixidos a mellorar as relacións persoais na comunidade educativa e a promover a cooperación entre os estudantes e as institucións locais. Os membros do xurado destacaron no seu fallo a contribución de Juan de Vicente á innovación educativa pola súa capacidade para actuar non só na aula senón tamén no entorno, fomentando a implicación no proceso educativo das familias e as institucións do entorno máis próximo”.

Juan de Vicente compaxina o seu traballo no IES Miguel Catalán coa formación que imparte a outros membros da comunidade educativa e a publicación de artigos especializados. É autor do libro “7 ideas clave: escuelas sostenibles en convivencia”. Na súa selección como gañador do Certame D+I, o xurado tamén tivo en conta “a súa capacidade para inspirar a outros profesores e a transformación que o seu labor docente está producindo na vida dos alumnos a medio e longo prazo, converténdoos en cidadáns participativos e solidarios”, o que o converte nun docente “que reforza o espazo social e ensina a ser persoa a través da innovación educativa”.

Juan José Vergara Ramírez é docente de Formación Profesional (concretamente, de Educación Infantil) do IES Barrio de Bilbao de Madrid, é mestre e pedagogo. Juan José, convencido de que a motivación é a peza chave da aprendizaxe, está traballando na posta en marcha de metodoloxías que requiren un papel activo dos seus alumnos, á vez que facilita o contacto destes con estudantes doutros niveis educativos e doutros centros de ensino (nacionais e estranxeiros).

É autor do libro “Cómo llevar a la práctica el aprendizaje basado en proyectos” e publica os resultados das súas experiencias na súa propia páxina web. Da súa candidatura, o xurado subliñou “a súa creatividade e a súa capacidade tanto para colaborar con outros docentes como para visibilizar e poñer en valor o traballo desenrolado na aula”.

Rosa Liarte Alcaine, pola súa banda, é especialista no uso educativo de aplicacións móbiles e compaxina as súas clases de Xeografía e Historia no IES Cártama de Estación de Cártama (Málaga) coa formación que imparte para outros profesores. O IES Cártama, inaugurado o pasado ano, apostou pola metodoloxía “Flipped Classroom” ou “A clase ao revés” como proxecto de centro, polo que as novas tecnoloxías e os dispositivos móbiles (smartphones e tablets) son entendidas como aliados e non como inimigos do proceso educativo dos alumnos.

Neste contexto, Rosa Liarte realiza vídeos explicativos (publicados en aberto na súa canle de Youtube) para que os estudantes os visualicen na casa e reserven o tempo das clases presenciais para a resolución de dúbidas e a investigación vinculada a proxectos concretos. Na asignación do accésit, o xurado destacou “o seu labor innovador ao unir tecnoloxía, creatividade e contidos de Historia” e “a súa xenerosidade á hora de compartir recursos”.

Non queremos deixar de mencionar ao resto dos finalistas: Guadalupe Castellano Pérez (IES Manuel de Guzmán de Navahermosa, Toledo), Laura Adela Fernández Blanco (CPI Atios de Narón, A Coruña), Marcos García González (IES Padre Isla de León), María Consuelo Marazuela Zapata, (IES Isidra de Guzmán de Alcalá de Henares, Madrid), María Jesús Rubio Berenguer (Colegio Santo Domingo Savio de Petrer , Alicante), Esther Sánchez Martínez (Colegio Mirasur de Madrid) e Fernando Trujillo Aparicio (Colegio Jesús, María y José de Conil de la Frontera (Cádiz).

Moitas grazas a todos e parabéns!

  • #Proyecta D+I
  • #docentesinnovadores