#proyectainnovación
CRE.AP.CIÓN 4.0: Ningún neno hospitalizado sen atención educativa
5 Xaneiro 2018

CRE.AP.CIÓN 4.0: Ningún neno hospitalizado sen atención educativa

Dende o pasado 8 de xuño, día no que se resolveu o IV Concurso Proyecta Innovación, o traballo desenvolvido polos responsables do proxecto CRE.AP.CIÓN 4.0 está a ser moi intenso. Principalmente por tratarse dun proxecto cun gran compoñente social e innovador na súa estrutura global, e no que, ademais, traballan varias institucións implicadas: o CEIP de Viñagrande Deiro, o CEP Santa Tegra e o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

 

Os principais responsables do proxecto Javier García, Manel Rives e Serxio Rosales relátannos como foi evolucionando CRE.AP. CIÓN 4.0 dende xuño ata o día de hoxe:

" Unha vez finalizado o curso tivemos varias reunións cos responsables da Unidade de Oncoloxía Pediátrica e o director de Procesos Asistenciais do Hospital Álvaro Cunqueiro para determinar como podiamos executar un proxecto que, naqueles momentos iniciais, tan só era un soño para todos nós.

Daquelas reunións saíu a petición, tanto por parte do Hospital coma dos docentes responsables da execución do proxecto, de elaborar un primeiro borrador do que podería chegar a ser o "Proxecto Educativo do Hospital Álvaro Cunqueiro".

A idea era determinar nese primeiro documento cales serían as condicións que debería reunir a atención educativa de todo o alumnado hospitalizado (en idade de escolarización obrigatoria) e fose cal fose a súa doenza: oncoloxía, traumatoloxía, hospitalizacións breves...etc.

Así, e en función do tipo de alumnado a atender, considerouse opotuno inserir naquel documento base 3 obxectivos a conseguir:

a) Conseguir dúas mestras: unha para a aula hospitalaria e outra para a aula onde se traballaría co alumnado da Unidade de Oncoloxía Pediátrica (xa que non se poden mesturar por condicións de saúde moi específicas).

b) Conseguir que o alumnado da Unidade de Oncoloxía Pediátrica tivese a oportunidade de contar cunha aula específica para eles con espazos ben definidos (matemático, lingüístico, científico, dos medios de comunicación e humanístico) onde poder realizar, cando as condicións de saúde llo permitan, os plans de traballo que compartiriamos con eles desde os dous centros.

c) Deseñar propostas de intervención máis activas para este alumnado onde tivesen a oportunidade de sentir que outros nenos doutros centros querían compartir vivencias e experiencias con eles: tanto didácticas coma non didácticas.

O documento foi presentado ante os responsables do Hospital que fixeron o traslado do mesmo á adminstración educativa para poder contar cunha mestra a tempo completo para a Unidade de Oncoloxía Pediátrica e así garantir, por primeira vez na historia da sanidade galega, que este alumnado puidese ter unha mestra que os axudase a realizar proxectos compartidos con outros nenos e nenas.

Grazas, por tanto, a este gran avance no proxecto: o hospital e o alumnado hospitalizado conta xa con dúas mestras!!

Unha vez conseguido este obxectivo principal, foi momento de trasladar á adminstración educativa a proposta que estabamos a deseñar para a mellor atención educativa do alumnado hospitalizado.

Así, a inicios de curso, fomos chamados para acudir a unha reunión cos Conselleiros de Educación e Sanidade, a inspección educativa e responsables do Hospital Álvaro Cunqueiro para comentar dunha maneira máis pormenorizada as actuacións para desenvolver no marco do proxecto.

Daquela reunión alcanzáronse os compromisos por parte das mestras, do hospital e dos responsables da administración educativa de apoiar e desenvolver o proxecto CRE.AP.CIÓN 4.0 durante este ano e continuar en próximos cursos, se o balance final resulta positivo, e mesmo poder amplialo en: metodoloxía, espazos da aula na Unidade de Oncoloxía Pediátrica, avaliación, materiais funxibles, didácticos e tecnolóxicos, recursos humanos..etc.

Con respecto aos recursos, o hospital Álvaro Cunqueiro mostrou gran apoio ao uso da tecnoloxía tal e como nós propoñiámonos e decidiu investir neste apartado fortemente para contar dende xa cunha loxística tecnolóxica moi importante (tabletas, robótica, materiais de Realidade Virtual, aplicación de alto potencial educativo para utilizar co alumnado...etc) que, cremos, non existe en ningún sitio a nivel de calidade e tratamento metodolóxico.

               

Para conseguir que o proxecto CRE.AP.CIÓN 4.0 e o seu enfoque educativo comezasen con bo pé, decidimos iniciar unha forte aposta formativa. A día de hoxe xa tivemos tres sesións de formación e inspiración coas mestras do alumnado hospitalizado co obxectivo de decidir que tipo de plans de traballo comezariamos a compartir e como o uso da tecnoloxía ía facilitar que o alumnado puidese desenvolver proxectos específicos cos que axudar na formación integral dos seus iguais.

Con isto claro, a finais de outubro decidimos iniciar o traballo co alumnado.

Algunhas das actividades poderedes velas nos seguintes enlaces:

Titoriais matemáticos:

 

Coñecendo a Valle-Inclán de xeito virtual:

 

Rapeando as taboas de multiplicar:

 

Nas próximas semanas seguiremos compartido actividades co alumnado hospitalizado e eles, na medida das súas posibilidades, poderán comezar a compartir as súas connosco:

  • Presentacións persoais dos nenos e nenas para coñecernos mellor.
  • Imaxes interactivas e aumentadas.
  • Obxectos 3D.
  • Retos de robótica.
  • Actividades de animación á lectura.
  • etc.

Como veredes, o traballo desenvolvido ata o día de hoxe foi moi intenso. Con altos e baixos no camiño e coa idea de que este pode ser un proxecto que supoña o inicio dunha nova maneira de atender, desde o punto de vista educativo, a todo aquel alumnado que se atope nunha situación de hospitalización leve e pasaxeira ou máis grave e longa. "

 

Dende CRE.AP.CIÓN 4.0 continuarán mostrándonos como vai avanzando o proxecto.

Parabén ás institucións e ás moitas persoas implicadas neste magnífico e ambicioso proxecto!

  • #proyectainnovación