CEIP de  Barouta: un  smart  school centrado na sustentabilidade
27 Decembro 2018

CEIP de Barouta: un smart school centrado na sustentabilidade

Rosa Branco, profesora responsable do proxecto, cóntanos os avances de "Embaróutate: nó sostible" (1º premio no V Concurso Proyecta Innovación) durante o primeiro trimestre do curso:

"Comezamos a nosa andaina o curso 2017-18 co proxecto “Somos o que comemos”, onde traballamos a alimentación, o deporte, a reciclaxe e a conservación. A través do proxecto iniciamos ao noso alumnado na programación básica a través do uso da robótica.

Durante o curso 2018-19 decidimos dar un paso máis e encamiñar o centro cara a un Smart School onde a sustentabilidade, ligada ás novas tecnoloxías, promovan aprendizaxes significativas entre os nosos alumnos. Así naceu “Embaróutate: nó sostible” un proxecto de centro, premiado no V Concurso Proyecta Innovación. Grazas ao financiamento obtido comezamos a poñelo en marcha.

Para empezar realizamos unha ecoauditoria. Trátase dun proceso onde os escolares estudan, a partir dunha serie de fichas de investigación, determinados procesos ambientais que ocorren no seu centro (uso do papel, consumo de auga, consumo de enerxía, xestión de residuos, etc.) ou na súa contorna co obxectivo de realizar un diagnóstico da situación para resolver ou paliar certos problemas relacionados coa sustentabilidade. Tras o diagnóstico e detección levarán a cabo medidas, a través da participación activa dos alumnos, para mellorar os problemas ambientais detectados.

O equipo auditor, 23 alumnos e alumnas de 5º de primaria, comezaron avaliando a xestión de residuos do centro.

Realizamos unha xornada de presentación e análise dos resultados, en función deles concluímos unha serie de medidas para mellorar a xestión e tratamento de residuos no noso centro, ademais de concienciar ao alumnado sobre a necesaria tarefa de reciclar: 

Composteiro:

Formámonos participando nunha exposición sobre como debe realizarse unha boa compostaxe. Despois da visita á exposición, levamos a cabo a montaxe dun composteiro, con material reciclado, á beira do horto do noso centro para xestionar os residuos orgánicos das nosas merendas.

Robótica:

Neste primeiro trimestre o alumnado está a investigar como pode mellorar os métodos de reciclaxe para reducir a cantidade de residuos que xeramos, a través do uso dos LEGO WE DO.

Para iso tiveron que planificar e levar a cabo unha investigación para describir e clasificar diferentes tipos de materiais para, posteriormente, crear un camión de reciclaxe que permita optimizar a súa clasificación.

Puntos de reciclaxe:

Unha vez que compramos os diferentes colectores, creamos os puntos de reciclaxe en cada aula. O alumnado de 5º de primaria elaborou un horario de quendas de tres nenos/as onde cada grupo encargarase de xestionar a súa área durante unha semana.

O seu traballo consistirá en:

  • Recoller os restos orgánicos das aulas (previamente separados en cada aula polos seus responsables).
  • Levalos ao composteiro, tendo en conta as pautas dadas polas técnicas medioambientais.
  • Revisar que non haxa impropios (plásticos, envases…), engadindo o material estructurante e removendo.

Cada semana deberán cubrir unha folla de seguimento do composteiro, indicando o volume de residuos engadidos e os posibles incidentes.

Horto escolar:

Neste 1º trimestre encargámonos de recoller a colleita do verán, arrincar as malas herbas e podar as plantas. Recollemos as follas para realizar abono para as plantacións que levaremos a cabo o próximo trimestre. Ademais de reformular o horto con diferentes medicións, repartindo as parcelas entre as diferentes aulas.

Radio escolar:

Para transmitir todas as nosas aprendizaxes sobre reciclaxe a todos os alumnos do centro e traballar a comunicación e expresión oral, creamos a nosa radio escolar. As aulas de 4º, 5º e 6º de primaria traballan o seguinte:

  • Contidos: buscar a mellor e máis significativa información.
  • Redacción: explicar e redactar o que logo a xente escoitará.
  • Locución: a importancia de comunicar ben o que queres contar 
  • Gravación e edición: ferramentas, medios e técnicas con aplicacións como Spreaker, Audacity etc.

Aquí podedes escoitar os primeiros podcast que creamos en Radio Barouta: escoitar gravacións.

Pronto vos contaremos máis sobre os nosos avances co proxecto. Aquí deixámosvos o noso traballo deste primeiro trimestre en formato audiovisual: