#InspiraTICs
A historia de M.
2 Novembro 2016

A historia de M.

No encontro InspiraTICs do pasado 27 de outubro creamos, no taller de Juan de Vicente, unha historia colectiva. M podía ser Marta ou Manuel, podía cantar, bailar, angustiarse, ilusionarse ou innovar, pero ao final o que saíu foron as inquietudes deste grupo de docentes que queren revolucionar o ensino. Dúas historias paralelas que ao final se integran nunha común: o docente que anhela facer as cousas doutro xeito.

Aquí deixamos as historias colaboradoras de cada grupo:

A historia de MARTA

 

A historia de MARTA

-Ola, que tal estás?

- Xenial, pensando no mañá

- Pensando no mañá, vou deixar de escribir e poñerme a debuxar.

- Debuxar o que quero ver dende a miña xanela

- Toma xa, imos de concerto. Vaia vistas.

- Hoxe está Bruce Springsteen e quedei con Enma na cidade. Bruce, The Boss. Encántame. Dance to the river. Vai unha troita de pé!

- Que pena, non sei inglés nin galego, que farei?

-Aprende!

-Pois collamos a barca!

-Vamos buscar a Juan que é políglota.

Isto é o que soa Marta antes de ir dar clase.

Un momento, e que fará Marta entón en clase? Está claro que non ten nada preparado e por iso tivo un pesadelo.

-Pero todo se resolve cun sorriso e unha cunca de café

Mentres espera que chegue o recreo para poder observar que fan os seus alumnos. Están todos dándose golpes, loitando no fútbol e as nenas en círculo charlando.

Pero un bo día Marta desapareceu... E foi buscar moitos trucos para mellorar os resultados dos seus alumnos.

A forma máis rápida de chegar é mirando pola xanela. E por iso chegou a Arteixo en busca de moitas ideas. Pero non atopou ningunha.

E colorín colorado, esta historia acabouse.

A historia de MANUELA

Historia de Manuela unha profesora innovadora, que todos os días chega ao cole cun sorriso, non polos nenos senón por unha estraña figura que se cruza con ela, e por iso chega a clase sorrindo. Ao chegar a clase pregúntalles aos nenos que queren facer hoxe e decide cambiar o que fai habitualmente...

Cóntalles unha anécdota que lle pasou dende que saíu da casa ata que chegou ao colexio. Un dos nenos recoñece ao personaxe do coche. É un coello de longas orellas que salta a gran velocidade.

Os nenos sentíanse desmotivados e entón decidiron saír e buscar ao coello, pero estaba escondido no despacho do director e non o atoparon. Cando o atopan pregúntanse se aí está cómodo ou debería estar noutro lugar.

Chegan á conclusión que lle gustaría máis estar fora e deciden dar a clase no campo. Alí ven rodeados de moitos máis animais e empezan a preguntar como se chaman como viven. Entón os animais comezan a cantar unha canción que fala das súas vidas.

Todos xuntos a cantaban e a bailaban, sorrían e pasábano bomba.

E así remata esta historia.

A historia de MARTINA

Esta é a historia de Martina, unha profesora innovadora, q tiña moitas ganas de cambiar as cousas; pero tíñao un pouco complicado. Traballaba nun colexio privado, pero os seus compañeiros non sempre eran colaboradores. Era a máis innovadora do colexio. Os seus alumnos estaban afeitos ao de sempre, ata que un día ela sacou as súas ás e decidiu cambiar as cousas. Tiña un alumno novo que necesitaba dela. Púxose rapidamente en marcha.

O primeiro que fixo foi buscar axuda, sacou da mochila as súas ás e prestoullas ao alumno. Por primeira vez alguén se fixaba nel. Entón ideou un plan. Foron xuntos a falar co resto do profesorado, e o día que o inspector apareceu en clase; o mestre dixo. “A partir de agora tedes que chamar pola vosa amiga creatividade; que ela ten unha caixa sorpresa que cada día aparecerá unha cousa nova”.

A historia de MARIO

Esta é a historia de Mario, un profesor innovador. Mario era un profesor de Ciencias que daba clase en Secundaria, nun instituto dun pobo. Era unha persoa moi inquieta, os seus alumnos aburríanse en clase, el quería buscar a maneira de motivalos, pero non sabía como. Non tiña experiencia con raparigos desas idades. E ademais tiña que dar todo o currículo. Un bo día, decidiu cambiar as cousas. Ocorréuselle queimar o instituto, estaba trastornado polos estándares e tiña reválidas!! E os seus medos crecían día a día.

Decidiron poñerse a ver a serie “Cousas Estrañas” …….innovar, innovar... que é iso de innovar? Decidiu buscar na internet a resposta. De súpeto, unha das súas alumnas gritou:

“Cambiemos! Eu son o profesor, ti o alumno”.

Isto fíxolle recapacitar e deu un xiro total.  E os alumnos buscaron os seus intereses e inquietudes.

E foron felices e comeron perdices...

A historia de MARTÍN

Esta é a historia de Martín, un profesor innovador que nos vai contar como conseguiu sacar o mellor dos seus alumnos.

Un día abriu a xanela da súa aula e empezou a pensar: que encerrados están os meus alumnos! E canta liberdade hai fóra! Imos armar un pouco de barullo en clase! Que alguén vaia polas chuches!

E que podemos facer con elas?

Teño unha idea, primeiro imos contalas para ver se todo o mundo ten unha e despois compartímolas.

Pero un dos alumnos levanta a man e pregunta:

Teño un problema, son alérxico ás gominolas que podo facer?

Martín dixo: “encántame que me preguntes isto porque na vida tamén pasa isto”.

Ante as gominolas, a choiva de ideas do alumnado era infinita: comerllas, volver á tenda, ver se había alternativas para o alérxico.

Cando empezamos a clase dunha vez? Porque non imos ao recreo mellor?

Coller os vosos chuvasqueiros que imos ao patio.

Martín dixo: logo investigaremos como se fan as gominolas.

Que boa idea, encántame! Imos!

Entón o profe dixo: “abrimos a xanela?... e busquemos un lugar onde montar o noso taller de gominolas”.

A historia de MIGUEL

Esta é a historia de Miguel, un profesor innovador que tiña como obxectivo mellorar a motivación do seu alumnado polo cal el mesmo era o primeiro motivado. Motivado, pero tamén desnortado.

Primeiro tentou copiar cousas. Despois fixouse en xente influente. Pero nunca foi suficiente.

Un día deuse conta que tiña que educar dende o corazón e atopou o seu camiño a través dos seus alumnos. Esa mañá chegou ao seu centro cunha clase innovadora pero internet non funcionaba. Sería necesario internet para poder innovar?

Así que pediu axuda aos seus compañeiros e estes ofrecéronlle que buscase o plan B do seu maletín. Abriu o maletín e dentro atopou todas as ferramentas para tentar motivar aos seus alumnos: unha fotografía do seu centro e outra da súa cidade.

Entón dirixiuse aos seus alumnos e preguntoulles que pensaban que era aquilo. De súpeto, coas respostas dos seus alumnos sentiuse triste. Pensaban que o que aprendían non valía para o mundo real. E a choiva de ideas dos seus intereses foi desenrolando a clase.

Entón unha nova perspectiva abriuse e o profesor preguntou aos seus alumnos que che gustaría ser no futuro? E eles responderon “déixanos 3 días para irnos a un spa e volveremos coa solución”.

O profesor decidiu preguntar aos alumnos que querían aprender ao día seguinte. Esta medida achegou novas ideas para as súas clases. E de súpeto soou a alarma de incendios. 

 

Recursos relacionados:

Podes crear nubes de tags para ilustrar as túas historias con calquera destas aplicacións; Nubedepalabras, o Wordle 

  • #InspiraTICs
  • #docentesinnovadores